Unha primeira aproximación ás criaturas caóticas

Baixo as tranquilas augas da Zona de Converxencia Subtropical do Atlántico Norte, un xigantesco remuiño de refugallos plásticos está a xirar e xirar co seu vórtice situado nas profundidades do océano, nas simas de Castletown, dentro do crater dun grande e ardente volcán.

Nos abismos do océano Atlántico, na máis remota das profundidades, a centos de séculos de distancia, baixo a tépeda e nutricia tona da Mar dos Arghassos, as leis do Caos están a dictar as normas dunha Nova Segunda Creación.

A mar, orixe da vida, nai paciente e coidadosa de todas as formas de vida que habitan a Terra, nun parto contra-natura e axudada pola nosa inapreciable colaboración, está a dar a luz novas formas de vida.

Dentro do corpo deste inmenso Maelstrom, os refugallos de plástico espállanse , mestos, dentro dun círculo de miriadas de kms., flotando todo ao longo da altura da columna de auga coma pó flotando no ár. Estos anacos de plástico, cada vez máis pequenos, colisionan uns cos outros, combínanse uns cos outros, nunha atmósfera líquida de confusión e degradación mecánica.

De vagar, cada un destos anacos de plástico recoñece a afinidade química dos outros e xúntase con eles, mestúrase con eles, fúndense entre eles, formando unha masa miscelánea de plásticos que da lugar a novas formas, novos corpos, novos seres fantásticos nunca ollados antes. Son producto do Caos, estrañas criaturas caóticas, tímidas, inseguras, con grandes ollos abraiados ao ver o que lles está a pasar, ao ver o que acontece en torno a eles.

A rede internacional de informadores coñecida polo acrónimo IMBA (International Maritime Beachcombers Association) está a informar por medio de mensaxes cifradas en botellas de vidro, sobre estraños movementos que teñen lugar ao longo das costas dos cinco continentes. Estas mensaxes están a informar sobre unha marea crecente de animais de plásticos multicores como vermes, cempés, moscas, libeliñas, volvoretas, arañas, formigas, tartarugas, serpes, paxaros..... que están a xurdir da mar, silenciosas novas criaturas que están chegando ás praias, ós coídos, subindo polos acantilados.....

(seguirá…)

Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información