Metamorfose

As ondas da mar sucédense unha tras outra coma aves escuras, de interminables ás abertas, formando un apretado bando que non coñece límites na sua forza....

Unha forza xeradora de vida que remexe arreo os materiais que atopa no seu seo e da a luz estrañas criaturas de lixo...

Para ter unha boa colleita de refugallos, os días de temporal non son os máis favorables; tampouco os días de calma tropical. O mellor momento é xusto despóis do temporal, cando a mar, exhausta, descansa a súa pel e respira coma un neno.

Entón, as grandes comportas do PAÑOL GRANDE, rebentadas por unha tromba de detritus e decepción, depositan na ribeira restos de naufraxios, botellas de vidro sen mensaxes, estachas de todos os tamaños, madeiros que apuntan formas, caixas de plástico, botellas de plástico, tapas de plástico, tapones de plástico, toldos de plástico, tuberías de plástico, bolsas de plástico que enchidas de area ondulan corpos na ribeira.... Tamén anacos de redes, aparellos de pesca, botas de goma, lubas de goma, flotadores, boias, defensas e sempre, sempre chicotes de moitas cores, asomando as suas puntas por riba da area ou entre a selva murcha dos arghassos, unhas veces contaminados e outras limpiños, relucintes, coma de estrea, coma vagalumes diurnos lavadiños pola mar...... Todos materiáis plásticos que tardarán centenares de anos en se degradar.

A mar devólvenos estos materiais alterados e rotos pola sua forza e invítanos, nun íntimo e paciente diálogo, a integralos na nosa capacidade creativa, suxeríndonos novas formas, lonxe do seu antigo uso cotián, fora xa dos entolecidos circuitos da cultura do consumo.

E así xurden criaturas fantásticas de todas as formas e tamaños, con vísceras circulares e grandes ollos asombrados. E por medio da nosa comunicación visual con estas criaturas monstruosas pero inofensivas, podemos establecer novas canles de análisis e reflexión sobre a nosa actitude de agresividade e maltrato á mar e á sua contorna.

Unha primeira aproximación ás criaturas caóticas
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información