Blog

A Contaminación orgánica do mar

 

A CONTAMINACIÓN ORGÁNICA DO MAR

       Durante a primeira semana de outubro, Mar de Fábula en colaboración co Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia ) e o colectivo artístico RetoqueRetro, organizou o “2º Encontro internacional de Crebeiros no mundo. Beachcombers around the world “. Foron sete días dunha intensa actividade de sensibilización ambiental que tiveron sempre por eixo as instalación do Ceida no Castelo de Sta. Cruz, Oleiros.

Con artistas do lixo mariño e crebeiros vidos de diferentes países europeos, Mar de Fábula organizou limpezas en diferentes praias na Área Metropolitana da Coruña e cos refugallos plásticos recollidos fixéronse obradoiros e performances, participando alumnos de varios centros de ensino e voluntarios. A sala de exposicións do castelo de Sta. Cruz acolleu de novo unha mostra artística renovada e os xardíns adornáronse con rechamantes esculturas feitas de lixo mariño, cheas de cor e mensaxe. .

O sábado 8 de outubro foi un longo día de charlas sucesivas, relatos de experiencias, intercambio de opinións e propostas de solucións á contaminación dos plásticos por parte de voluntarios que levan anos apañando toneladas de lixo mariño nas beiras de outros mares. Falouse en diferentes linguas pero compartíamos todos un mesmo idioma.

Quixo o azar que nas mesmas datas tivera lugar, tamén nas instalacións do Ceida, unha Xornada do Comité Español da UICN ( Unión Internacional para a Conservación da Natureza ), a organización conservacionista máis antiga e importante do mundo, presidida polo seu vice-presidente mundial, o keniata Mr. Ali Kaka. E quixo o director do Ceida Carlos Vales, nunha acertada visión, combinar ambas as dúas celebracións. . Por unha banda, fumos honrados coa presencia de Mr. Alí Kaka na inauguración da nosa sesión de charlas, brindándonos a oportunidade de escoitar as experiencias que están a levar adiante coas comunidades indíxenas de Kenia para atallar a invasión do lixo plástico que afoga aos países emerxentes. Por outra banda, o director do Ceida convidou a Mar de Fábula a participar nunha reunión de traballo previa do Comité Español da UICN para ter así tamén a oportunidade de solicitar o seu apoio na proposta que pretendemos elevar á Organización Marítima Internacional ( IMO) para que actualice o Convenio Marpol anexo IV e prohiba, taxativamente, a descarga no mar de augas negras e grises sen tratar.

Nun tempo aproximado dunha hora e con documentación expresamente preparada ao efecto, Mar de Fábula situou históricamente a situación actual de agresión ao medio mariño por parte dos cruceiros. A industria do turismo de masas e de entreteñemento que son os cruceiros tivo o seu comezo na década dos 80. En décadas sucesivas medrou en progresión xeométrica, chegando ao 2017 a ter unha flota de 300 megabarcos que transportarán este ano 25 millóns de turistas por todos os mares. Os plans de construccións de novas unidades son de vértigo. Segundo a propia CLIA ( o lobby que controla o negocio ),. entre o ano 2016 e o 2021 sairán dos asteleiros 55 novos cruceiros, enormes cidades flotantes ,cada vez máis grandes, para aloxar máis milleiros de turistas ( O “Harmony of the seas “, o cruceiro máis grande do mundo, que pode transportar 9.000 persoas a bordo, pronto quedará pequeno). Como apunte siñificativo, de cara ao que pode acontecer no futuro, dicir que China é un dos países que máis están a apostar por este tipo de turismo.

Os océanos, segundo vemos, estanse ateigando de xente. E todo ísto co pano de fondo dunha lexislación marítima internacional obsoleta, anclada nos anos 70, que permite que estas cidades flotantes evacuen directamente no mar, sen tratar, as augas negras (feces e ouriños) e augas grises ( desagües dos servicios de abordo), sempre que se faga máis aló das 12 millas da costa. Así de simple e aberrante.

Nos anos setenta eran só buques mercantes os que navegaban por todos os mares. A única excepción da regla era o “Queen Elizabeth 2”, elegante trasatlántico da Cunard Line, que mantivo durante anos unha liña regular de pasaxeiros entre os portos de Southampton e New York, nunha travesía do Atlántico Norte que duraba seis días e que foi cancelada ao comezo dos oitenta.

Unha vez rematada a nosa exposición e ante o asombro dos alí presentes polo desfase da lexislación actual, Mr. Ali Kaka asumiu a proposta de Mar de Fábula, prometendo incorporala á Axenda Internacional da UICN. e precisando que estaríamos en contacto para toda cuestión adicional de cara a conseguir o noso obxectivo.

No Encontro no Ceida ao que fago referencia arriba falouse da contaminación do lixo plástico no mar e vieiros para atallala. Pero, a fin de contas, os refugallos plásticos aínda podemos manexalos, tocalos e construír con eles unha obra artística que sexa estética, atractiva e útil como ferramenta de concienciación ambiental . Pero.....coa contaminación orgánica no mar que podemos facer ? Imos meter as mans na masa fecal ? Imos nadar en augas contaminadas por bacterias e virus ? Imos consumir peixes e mariscos envelenados polos nosos detritos ?

Ao meu modo de ver, non hai contaminación máis noxenta, repulsiva e ofensiva dende os puntos de vista estético, moral e medio ambiental que a contaminación orgánica que sofren os océanos. Compre traballar de maneira seria na súa prevención. Todos sabemos que a mar é a orixe da vida. Estamos ofendendo a vida.

 

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula

Entrada publicada: 18/10/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información