Blog

Resultado limpeza na praia de Bens, A Coruña. 23/04/2017

 

23 abril 2017

Traballo de limpeza na praia de Bens. O momento despois.

 

Esta mañá de domingo fixemos un bon traballo de recollida e análise de lixo na area de Bens.

A resposta de participantes foi extraordinaria tendo en conta que o preaviso de chamamento foi tan só de tres días. Demostrouse que as redes sociais funcionan tamén para cousas boas e sobre todo, púxose de mañifesto que a sensibilidade e interés polo coidado do medio ambiente vai tendo cada vez máis eco.

As indicacións iniciais de separar bastonciños de algodón, aplicadores de tampóns e paos de bateas por unha parte e o resto de lixo xenérico por outra, foron desbordadas pola propia dinámica da limpeza e pola enorme suciedade e degradación de todo o areal. Foise apañando de todo. As mans non daban feito. Incluso o que, aprimeira vista semellaban inocentes moreas de argazos, resultaron ser masas de fibras textis desfeitas e mesturadas con toda sorte de lixo plástico e que foron levadas á cabeceira da praia. Houbo tempo tamén para seleccionar o lixo plástico polo miudo e para creacións artísticas na area.

Foron dúas horas dunha acción ambiental útil e positiva por suposto, pero que non deixa de ser maís que un berro na noite contra o maltrato e degradación do medio mariño. Temos que neutralizar a impunidade coa que se agrede á natureza. Temos que atallar as fontes de contaminación na súa orixe. Temos que movilizar á sociedade para que coide e protexa o seu patrimonio natural.

Resume da xornada :

Comezo 1100 horas. Remate 1300 horas.

Número de participantes : 28 adultos máis 5 nenos que traballaron como adultos.

Lixo plástico apañado: 37 bolsas de 30 litros con separación dos residuos de hixiene persoal e paos plásticos das bateas por unha parte e xenérico por outra.

Masas de fibras textis e anacos grandes de plástico a granel: 2 caixas, 1 tubo.

P.D. A idea inicial de transportar o lixo aos contrs da aldea de Bens foi descartada polo posible bloqueo que poderíamos producir nos mesmos. Acordouse informar a Medio Ambiente do Concello da Coruña para solicitar a súa colaboración a fin de proceder á urxente retirada do lixo recollido.  

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información