Blog

Nota para a Fundación Eduardo Pondal. 2º Encontro galego d lixo mariño. Maio 2017

10/05/2017

 

2º ENCONTRO GALEGO DO LIXO MARIÑO. A DEFENSA DO COMÚN.

 

A Unión Europea, na súa Directiva de Estratexia Marco para o Medio Mariño de cara a conseguir un Bon Estado Ambiental a nivel europeo no ano 2020, no anexo I, descriptor 10, relativo ao lixo mariño, mañifesta que...” Limpar os océanos é unha opción, sen embargo non é o método máis eficiente para retirar e previr o lixo mariño. A mellor solución é atallar o problema da contaminación na súa orixe....”

Facemos noso o aserto da UE. En Mar de Fábula levamos tempo navegando augas arriba para atallar na súa orixe a fonte dos principais refugallos plásticos que atopamos na ribeira. Pero indo máis augas arriba, a nai de todos os problemas é a contaminación mental da sociedade de consumo.

A contaminación que sofren os océanos polos verquidos incontrolados e pola presencia masiva de lixo mariño, con millóns de toneladas de refugallos plásticos en todos os mares, non deixa de ser o síntoma doutra grave contaminación, paralela á anterior na súa intensidade e que afecta á sociedade moderna.

Estar sempre distraído, entretido, pasalo sempre ben, ser feliz as vintecatro horas, fuxir da dor, fuxir dos problemas (….ése é o teu problema....), comprar, consumir, exhibirse, mirar para outro lado, sálvese quen poida.... son refugallos de lixo mental que contaminan a nosa vida social da mesma maneira que os refugallos plásticos contaminan o mar.

E quen contamina os dous espazos, os dous territorios é sempre o mesmo. É o sistema, o sistema capitalista que necesita facer de nós, facer do mar un sumidoiro de lixo para que a festa consumista non pare.

O sistema ten ben engraxada a súa maquinaria e lanza mensaxes a cotío para que sexamos sempre felices, simplemente, comprando.

E así,dende os vertedoiros en terra firme, polas alcantarillas, polos ríos, polas redes de saneamento, polas redes sociais, polos aliviadeiros na costa ou directamente dende as praias na tempada estival..... millóns e millóns de neuronas contaminadas e mesturadas con toda sorte de detritos e decepcións, chegan ao mar e deposítanse no fondo dos océanos, lastradas polas imaxes e palabras vomitadas dende as pantallas dixitais e as tarifas planas.

A sociedade actual, fiel refrexo do sistema que a sustenta, actúa como unha máquina de búsqueda e consumo e competencia feroz, estimula o individualismo e deixa de lado os territorios comúns.

Non hai proba máis clara de que algo non vai ben na nosa sociedade cando somos testigos a diario da degradación dos espazos comúns, daquelo que é de todos nós.

E, no noso país, en Galicia, o problema faise máis complexo e agudo pola súa compoñente histórica e psicolóxica. Esta actitude de desleixo e indiferenza de cara ao espazo común, ao que está fora da nosa leira ( ...que limpe o concello ! ) está estreitamente ligada á nosa falla de autoestima colectiva, o que conleva a falla de respeto mutuo. Se cadra, é a eiva que temos que aturar polos moitos séculos de alleamento do nosos valores e do esforzo da pura supervivencia.

Compre traballar arreo nos procesos de información e sensibilización da sociedade a fin de conseguir que, cada un de nós, asuma a súa cota de responsabilidade na defensa e conservación dos espazos comúns.

Para que o noso proxecto de país teña futuro, para que o edificio da nosa cultura medre sólido en altura, é vital que teña uns alicerces firmes, ben chantados nun terreo limpo, ben conservado por todos nós.

Temos que xuntar as nosas mans de cara a coidar e conservar a nosa natureza, o noso patrimonio natural, a nosa gran riqueza, aquelo que é común a todos nós, o que nos conforma e consola.

E, por riba de todo, temos que coidar o máis grande e valioso dos nosos espazos comúns: O mar. O espello onde todos os galegos estamos refrexados.

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información