Blog

Limpeza en Punta Caghada. O día despois.

 

Lixo plástico en Punta Caghada. O momento despois.

 

O sábado 21 de xaneiro, nun día espléndido, un agasallo máis deste raro inverno, puidemos por fin emprender a marcha, sobre as 1100 horas da mañán, dende o porto de Santa Mariña cara á Punta Caghada do cabo Veo, imán dos temporais do Atlántico e do lixo plástico que viaxa, todo contento, no seo das correntes mariñas.

Durante 2 horas, 21 adultos traballaron duro apañando todas as botellas de plástico espalladas polos dous coídos de entrada á Punta Caghada. Entre os voluntarios, dúas notas destacadas. Seguindo un proceder coherente e responsable, de novo o alcalde de Camariñas xunto con outro membro da súa corporación, puxo mans á obra para coidar e manter limpo o patrimonio natural do seu concello. Por outra parte, apañando plásticos, amarrando e coordinando as estiba dos sacos, o patrón da ghamela na que serán embarcados, estivo todo o tempo activo dun a outro coído. Un novo exempro de responsabilidade na súa profesión.

Ao final, a colleita de lixo foi como sigue :

58 sacos cheos de botellas e envases de plástico, nunha porcentaxe alta xa moi degradados, un lote en cada coído. Ademáis, non podía fallar, moreas de granel, caixas, aparellos e sempre, sempre, as infames espumas e o porexpan.

De volta ao peirao de Santa Mariña sobre as 1500 horas, no picnic programado, os participantes disfrutaron e compartiron provisións e contrastaron experiencias e opinións, cunha sensación de fondo gratificante de ter asumido cada un de nós, unha vez máis, a súa cota de responsabilidade.

Do plan que temos diseñado para retirar os sacos da Punta Caghada, quedamos agora pendentes coma primera opción, que o estado do mar permita decidir, dun día para outro, o achegamento da ghamela a unha cala entre os dous coídos para meter os sacos abordo con destino á rampa do porto de Santa Mariña. Unha vez en terra, o lixo plástico será levado por un camión do concello cara aos contenedores que a nosa asociación utiliza en Arou para separar, clasificar e reutilizar todo este lixo mariño que xa nunca máis volverá ao mar, refugallos-testigos dunha sociedade que consume os seus recursos naturais coma se non houbera un mañán.

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información