Blog

Limpeza de lixo plástico en Punta Caghada, Camariñas.

 

LIMPEZA DE LIXO PLÁSTICO EN PUNTA CAGHADA, CAMARIÑAS.

 

Como en anos anteriores, a asociación Mar de Fábula quere comenzar o novo ano cun acto simbólico en defensa do mar nun dos lugares máis afastados, fermosos e de máis difícil acceso da Costa da Morte: O coído de Punta Caghada, Camariñas.

Para acadar este obxectivo, contaremos co soporte loxístico do Concello de Camariñas e coa importante e novedosa colaboración de homes do mar desa vila mariñeira, pendurada no aire, que é Santa Mariña.

No coído de Punta Caghada seguen espallados e agochados na vexetación, toda unha morea do lixo mariño que o mar devolveunos, con furia terrible, nos temporais do inverno 2013/2014. O 90% do lixo que aniña na zona son botellas de plástico que durarán alí centos de anos, se nós non o remediamos.

Despois de moito deliberar, decidimos como plan de traballo máis viable para facer esta limpeza, camiñar dende o porto de Santa Mariña cara ao noso destino e traer de volta ao seu peirao o lixo plástico polo mar.

O percorrido cara a Punta Caghada leva un tempo aproximado de media hora por unha senda difícil, que fai impensable vir de volta cargados con calquer cousa ao lombo. Esta ruta polo norte evita achegarnos polo sur, vindo dos coídos do Trece, nunha contorna de alto valor biolóxico e merecida protección no seu paso pola zona dunar do Monte Branco.

O porto de Santa Mariña e os seus homes do mar, afeitos a navegar por estas augas, xogarán un papel fundamental nesta limpeza: Contaremos cunha gamela que se achegará ao coído de Punta Caghada para cargar os sacos na primeira oportunidade que as condicións do mar o permitan.

Invitamos a todas as persoas que queiran compartir connosco esta acción ambiental para devolver ao seu estado natural os dominios desta sonora Punta que, xunto coa súa veciña de enfrente, a Punta do Boi, delimitan un dos anacos máis emblemáticos da nosa costa, tanto pola súa espléndida paisaxe como pola súa importancia na navegación marítima, ao concentrar nas súas augas numerosos e históricos naufraxios

Día da limpeza : Sábado 14 de xaneiro.

Hora e lugar de encontro: 1100 horas, na rampa do porto de Santa Mariña.

Tempo aprox. de limpeza : 2 horas.

Recoméndase levar calzado tipo bota ou zapatilla de trekking.

Importante : Polas dificultades de acceso, só deberán acudir adultos.

Pensando celebrar un picnic de volta no porto, recoméndase ter cada participante bebidas e provisións de boca.

OBSERVACIÓNS: Esta data de limpeza está suxeita á coincidencia dos pronósticos meteorolóxicos de que non choverá. Os voluntarios deberán contactar o tlfno. 608609042, o día anterior, a efectos de reconfirmación.

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información