Blog

Fundación Eduardo Pondal. 2º Encontro galego do lixo mariño. O día despois. 17/06/2017

17/06/2017

2º Encontro galego do lixo mariño. Al limpeza do mar.

( O día despois.).

 

Foi un acto onde xuntáronse diferentes voces. Foi un primeiro paso nun camiño de colaboración e traballo conxunto entre os profesionais do mar e as organizacións conservacionistas de cara á preservación do noso medio mariño.

Comezou o 2º Encontro coa intervención de Álvaro Barros da asociación Mar de Fábula. Nunha exposición corta e ben estructurada na pantalla, estableceu o contexto no que se desenvolvería a reunión : A problemática da contaminación dos plásticos no mar, na súa flora, fauna e potenciais consecuencias na saúde humana.

Seguiu Luis Rodriguez, presidente de Asoar-Armega describindo a súa histórica loita na defensa do mar, das limpezas nos fondos das rías, dos atrancos da administracción e do seu esforzo de concienciación entre os seus compañeiros. Esforzo que floreceu na situación á que teñen chegado hoxe en día : Antes eran eles os “bichos raros” que non botaban residuos ao mar. Agora os “bichos raros” son os que o contaminan.

Dentro da súa intervención e acto seguido, Luis fíxo entrega ao resto dos intervintes da botella coa mensaxe do mar. Agasallo-concienciador que ten levado incluso ao Parlamento Europeo.

Seguidamente tomou a palabra Lola Bermúdez, Patroa Maior da Confraría de Camariñas e unha histórica da loita pola defensa do sector. Falou da loxística a bordo e en terra para recoller os residuos e enfatizou, unha vez máis, na súa teima do necesario traballo de concienciación nas escolas.

Pasou logo a falar Estrella Lema, presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Camariñas, unha brava muller que tomou por bandeira a limpeza e conservación do seu ámbito de traballo, orgullosa de ter organizado xa a 3º limpeza consecutiva do banco marisqueiro da Basa. Unha profesional consciente de poñer en valor o produto do seu esforzo, de coidar o medio ambiente da ría e, incluso, referenciando os valores pasaxísticos e turísticos da zona..

Na rolda de intervencións tocoulle o turno a Sven, o histórico voluntario do Prestige. Coa súa performance de espallar plásticos no local, apañolos logo entre todos nunha figuración de limpeza da ribeira e co seu discurso sobre o coidado do espazo común e do necesario comportamento cívico, convertiu a todos os presentes en atentos observadores e ouvintes dun persoeiro coma este home, cada vez máis convertido nun referente ético a contrapoñer a esta sociedade de consumo.

Seguiu logo Julia Haz, da Agrupación de Mariscadoras do Anllóns. Clarificou que, contrariamente ao que acontece en Camariñas, a contorna xeográfica do seu ámbito de traballo evita a chegada de refugallos plásticos de altamar e, polo que á súa actividade concierne, a contaminación polos plásticos non é problema na súa zona.

Colleu a palabra logo Adriana García Rellán, bióloga da Confraría de Laxe. Describeu o procedemento loxístico no seu porto para o tratamento dos residuos de a bordo e fixo un apunte no tempo de cando, embarcada como bióloga observadora nos buques pesqueiros de Terranova, tiña que facer esforzos hercúleos para evitar que as tripulacións botaron os plásticos ao mar, incluso, acumulando os refugallos no seu camarote, incrible!

Por último, Mari Carmen Suárez, presidenta da Confraría de Corme deixou oir a súa voz recoñecendo, dunha maneira clara, que no seu sector contamínase o mar, bótanse plásticos e de todo o mar e que hai moito que facer e concienciar para cambiar costumes moi asentados.

Despois de case 2 horas de exposición intensa e debate vivo, os integrantes na mesa, en nome das súas organizacións e, nun acto simbólico, asinaron a “ Declaración do Couto.”, declaración de intencións que servirá de guía de actuación para próximas xestións.

Ao remate de todo, Ubaldo Cerqueiro, excelente no seu oficio de moderador e Tamara Lema, acolledora anfitriona da Fundación Eduardo Pondal, puxeron punto e final á reunión.

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información