Blog

Exposición conxunta Ali Baba & Mar de Fábula, Como vexo eu a obra de Ali Baba. 26/04/2017

26/04/2017

Exposición artística conxunta ALI VAVA & MAR DE FÁBULA

 

CONTEMPLANDO A OBRA DE ALI VAVA.

Ir da man de Ali Vava nesta mostra , ven sendo como subir a bordo dun dos seus madeiros de deriva e deixarse levar polos ventos, emprendendo unha viaxe ao azar que nos leve a unha terra onde aínda poda existir a esperanza.

Os madeiros de deriva que nos devolve o mar. Éstos son os seus elementos de traballo, de transformación, de metamorfose. Son coma embarcacións que fixeran viaxes exóticas, viaxes sorpresa. Viaxes á A Cova de Ali Vava.

O que Ali Vava, modestamente chama “paos”, son anacos da terra firme desprendidos dos nosos montes, dos nosos bosques ou dos arbres das beiras do ríos. Os temporais, os furacáns, ou a propia dinámica do fin da vida, puxan deles nunha viaxe non prevista e chegan, sorprendidos, ao mar. Os madeiros de deriva son materia viva, natureza, son unha parte de nós.

Nas conversas que ambos os dous temos tido sobre os procesos de creación artística de cada un, chamábame sempre a atención a resistencia, o rexeitamento ( a repulsión, diría) que Ali Vava manifestaba ante a miña insistencia en incorporar refugallos plásticos nalgunha das súas composicións.

Qué pouca sensibilidade pola miña parte !! Os anacos de plástico, materia fría, artificial e inerte, no seu diabólico proceso de liberación de Contaminantes Orgánicos Persistentes dende as súas estructuras químicas, non farían máis que provocar un proceso de intoxicación, de toxicidade, de desnaturalización da súa obra, porque os anacos de plástico son materia morta, artificio, sombra.

Visualizo a Ali Vava camiñando pola area na búsqueda e selección de madeiros de deriva depositados nas diferentes liñas de marea e que lle podan dicir algo.

Nun proceso de interpretación, de comunicación, de viaxe ao seu mundo interior, a artista vai camiñando por esa fronteira entre o mar e a terra fabulando formas e faunas, soños e lembranzas e pesadelos tamén... e vai escollendo aqueles “paos” que, sufriran a transformación, a metamorfose da cor.

A primeira vez que vin a súa obra (no Café de Fábula) quedei abraiado por aquela invasión de cores. Os meus ollos non acertaban a saír do labirinto. De súpeto, non sei porqué, lembrei aquela expedición que fixen pola selva tropical de Venezuela, hai 43 anos, xunto cun feixe de mariñeiros compatriotas galegos. Éramos tripulantes dun barco pirata. Perdéramonos na selva entre cores, lianas, aullidos de monos e teas de araña.

Foi só unha lembranza coma un lóstrego. Situado de novo na realidade de Arteixo, de vagar, ao mesmo tempo que fun focalizando os meus ollos e os meus sentidos naquela peza que, antes fora un madeiro de deriva, funme relaxando e sentindo placer ao contemplar a harmonía do conxunto. Todo estaba ben disposto. Fun seguindo as liñas sen medo a perderme, fun percebendo as variedades cromáticas nunha sucesión ben plantexada de tonos e variacións de matices.. Interpretei que alí había unha viaxe no tempo. Era como ir contando os anels dun tronco de arbre. Un paso polas diferentes etapas da vida. Lembrando aquela impresión, visualizo de novo a artista nunha viaxe vertical, subindo dun fondo áa unha superficie, liberada de lastres, de prexuicios e de medos antigos, buscando a luz e o aire puro. Vexo unha artista nun proceso importante de realización persoal, facendo o seu camiño ben marcado, fixando o rumbo e o destino dos seus queridos “paos” ou madeiros de deriva que, certamente, con ela a bordo, nunca irán á deriva.

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula.

 

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información