Blog

Embarque na ghamela do lixo plástico de Punta Caghada

 

Embarque de sacos con lixo plástico en Punta Caghada, Camariñas

 

Onte á tarde, xoves, 23 de febreiro, sobre as 1630 horas, nunha maniobra feita con bisturí meteorolóxico entre borrascas, unha ghamela de Santa Mariña con Berto, o seu bravo patrón a bordo, apareceu por detrás da mole da Punta Caghada.

A Punta Caghada do cabo Veo, un dos lugares máis inhóspitos e perigosos da nosa Costa da Morte. Soubémolo ben onte á tarde, nun anaco de calma, só aparente

O amigo Berto, coa habilidade de home que coñece ben este mar, entrou sorteado o labirinto de baixos e achegouse ao coído onde, dende hai un mes e ao abrigo dos sudoestes, esperaba a ser embarcado o primeiro lote de sacos con lixo plástico. Marcelino, outro bravo home do mar de Camelle e que viña por terra connosco, saltou a bordo para axudar á estiba dos sacos.

Unha vez coa carga completa, a ghamela partiu rumbo ao porto de Santa Mariña.

Media hora depois, divisámola de volta baixo unha orballada escura e cunha mar cada vez máis alterada. Achegouse de novo a ghamela ao segundo coído, cargamos o último lote de sacos e partiu unha vez máis cara ao seu destino.

Ao remate, sobre ás 1900 horas, reunímonos todos no porto de Santa Mariña con 55 sacos de lixo plástico e granel, estibados ao abrigo da parede do dique. Unha contaminación que nunca volverá ao mar.

Na última parte desta longa operación de limpeza, unha camioneta do concello de Camariñas foi esta mañá a cargar os sacos para transportalos á granxa de Arou.

Alí, finalmente, faremos a clasificación e selección do lixo nos contenedores verdes e amarelos, situados á nosa disposición polo concello.

O traballo de limpeza de Punta Caghada, que comenzou o 21 de xaneiro, ten sido o máis complexo dos que Mar de Fábula ten feito até agora. O meu agradecemento a todos os participantes dende o primeiro día.

O mar sigue ao seu, cos seus temporais de inverno pero tamén está contento. Dende o meu observatorio aquí, no alto de Camelle, escoito como brúa na Punta do Cabesso e vexo o seu manto branco rompendo con forza na area de Traba.

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula  

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información