Blog

3º Limpeza do coído de Touriñán.

 

3ª Limpeza do Coído de Touriñán. O día despois.

 

Un ano máis, o coído de Touriñán quedou limpo e saneado.

Unha vez máis respondimos á chamada do océano neste máxico e afastado lugar para apañar a colleita de lixo plástico do inverno que remata agora.

Esta cita anual estase convertendo nunha foto fixa da cara escura da sociedade actual. Tanto máis dramática a foto canto máis fermoso o lugar.

Só o progresivo aumento na resposta cidadán ao chamamento de Mar de Fábula, fainos abrigar esperanzas e infúndenos forza.

Durante o picnic, deuse lectura a unha mensaxe do historiador naval e compañeiro Fernando Patricio, solidarizándose connosco, disculpando non poder ter asistido e agasallándonos cunha sabrosa anécdota dun naufraxio nesta costa.

Despois de repoñer forzas, no intercambio de opinións, tiramos todos a mesma conclusión: Ou se coida o medio ambiente e deixamos de contaminar o mar, ou se traballa forte nos mecanismos de prevención mediante un proceso de concienciación da sociedade, asumindo as institucións as súas responsabilidades, ou dentro de vinte anos seguiremos compoñendo a mesma foto fixa das botellas de plástico voando, coma paxaros de pet polo monte arriba, no Coído de Touriñán.

Os datos da accións ambiental de onte son os seguintes:
Comezo da limpeza : 1230 horas .

Remate : 1400 horas.

Número de participantes : 28 adultos con dous nenos.

48 sacos grandes, de 100 e 60 litros, cheos de botellas de plástico, envases, anacos de plástico de todas as orixes, espumas de poliuretano e porexpan en milleiros de anacos.

Un bon lote de granel de caixas, cabos e, no capítulo de barbaridades, un frente metálico dunha cociña industrial.

O todoterreo do concello co seu remolque, veu puntual ás 1430 horas e levou os sacos co lixo plástico ao punto limpo para o seu debido tratamento.

Pola tarde, dez dos participantes desplazáronse ao coído de Moreira, na cara norte do cabo, para continuar a tarefa baixo un forte nordés. Aquí a colleita foi de 10 sacos grandes cheos de botellas de plástico.

Hoxe, a península de Touriñán adéntrase limpa no mar.

Entrada publicada: 12/08/2017

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información