Blog

(25/09/2016 ) Xornada Voluntariado Ambiental en Baldaio. Colaboración con Decathlon e Funfación Biodiversidad.

         XORNADA DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL NA PRAIA DE BALDAIO.

Onte, domingo 25 de setembro, realizouse unha limpeza da praia de Baldaio dentro das Xornadas de Voluntariado Ambiental, promovidas pola Fundación Biodiversidad e a empresa Decathlon a nivel de toda España. Neste caso, en coordinación coas tendas Decathlon da Coruña e Ferrol, a acción ambiental foi organizada pola asociación Mar de Fábula.

A climatoloxía quixo axudar nesta iniciativa ambiental de defensa e conservación do medio mariño. As chuvias fortes da noite anterior deron paso a unha mañán espléndida neste fermoso balcón ao Atlántico que é o areal de Baldaio.

A previsión dunha elevada participación fíxose realidade coa asistencia de 78 voluntarios, incluídos doce nenos. Ésto permitiu poñer en xogo o plan diseñado en función das inspeccións previas feitas no terreo: levar adiante un traballo de limpeza diferente a todos os previamente realizados. Decidimos focalizar a nosa atención na fracción de residuos sólidos que sempre deixamos por imposible nunha limpeza convencional: Os plásticos máis pequenos. Ademáis dos contaminantes específicos que estamos a monitorizar en Mar de Fábula desde hai meses, quixemos recoller, baixo un epígrafe de xenéricos, os anaquiños de plástico máis miudos, microplásticos incluídos, con tamaños de 5mm ou menos, incluso dirixindo a atención dos voluntarios a detectar os pellets de resina, “bagoas de serea”, materia prima para a fabricación de todo tipo de utensilio plástico e que, por diferentes vieros, chegan coma verquidos ao medio costeiro.

Con seis monitores de Mar de Fábula para dirixir e responder a todas as preguntas dos participantes, fixéronse dous grupos de actuación: un abordando a praia pola zona leste do aparcadoiro e outro grupo desembarcando na praia pola zona de Razo. O espazo de Razo, lugar de encontro acordado para celebrar o resume da xornada e picnic posterior, foi asignado para os participantes con menos movilidade e con familias. Tiveron traballo dabondo durante as dúas horas que durou a limpeza para apañar milleiros de anaquiños de plásticos nuns poucos centos de metros na zona alta da praia, ao longo da liña das mareas vivas. O grupo de voluntarios con máis movilidade, partindo do extremo leste e cada un provisto de dúas bolsas para separar os materiais, recorreron os 3.000 metros de praia, sen invadir as dunas, separando e clasificando con dedicación e interés, todo refugallo enredado nos argazos, nas diferentes liñas de marea.

O resume técnico da xornada é o seguinte.

Comezo da limpeza . 1130 horas. Remate : 1330 horas.

Total bolsas con lixo plástico: 94 ( bolsas 60x55 cm.)

Lixo plástico xenérico: 59 bolsas

Lixo plástico específico : 35 bolsas

Detalle lixo plástico específico:

Bastonciños algodón........................1.035 unidades

Aplicadores de tampóns..................... 73 “

Paos das bateas …............................ 81 “

Etiquetas acuicultura, pesca,etc. ….. 42 “

Tapóns botellas, envases................. 1.679 “

Cada bolsa, cun peso entre 2 e 4 kilos, permitiu retirar da beira do mar uns 300 kilos de píldoras nocivas para o medio mariño, refugallos plásticos xa na fase de ser confundidos por alimento pola fauna mariña... cantos peixes salvamos ? Cantos peixes evitamos consumir contaminados polo veleno dos plásticos...? Eran preguntas e comentarios que facíamos nas valoracións ao remate da xornada.

Pero máis aínda chama a atención o que estamos a facer do océano: un vertedoiro de lixo do váter. É, coma se alguén, no medio do mar, tirase da cadea porque...Qué explicación ten que, nun espazo natural coma é a praia de Baldaio, aberta ao océano, lonxe das poboacións, reciba na súa area, unha e outra vez coma temos comprobado, milleiros de bastonciños de algodón e decenas de aplicadores de tampax ? Cando imos modificar hábitos ? Cando imos asumir, cada un de nós, a nosa cota de responsabilidade no respeto e conservación da natureza, do noso mar, da nosa ribeira ?

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula

Entrada publicada: 17/10/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información