Blog

(23/04/2016) SEGUNDA LIMPEZA COÍDO DE TOURIÑÁN

 

LIMPEZA DO COÍDO DE TOURIÑÁN

 

Aos pronósticos do tempo cruzáronselles os cables neste mes de abril, un dos máis inestables dos últimos anos.

Despois de tres adiamentos, onte sábado 23, era o día que, por fin, dacordo coa ciencia meteorolóxica, non tiña que ter chovido pola mañán, á hora fixada para a tarefa tanto esperada. Sin embargo, conducindo cara ao punto de encontro no faro, o ceo era todo un pano mesto de nubes negras enchoupadas de auga. Chovía arreo. Parecía o fin da terra, o fin do mundo. Daban ganas de cambialo rumbo 180 graos e ir de volta para casa.

O milagre produciuse ao chegarnos ao faro ás 1100 horas, á hora convida, e asomarnos ao balcón do océano.

Parou de chover e de vagar, nunha calma expectante, dende a liña do horizonte foise levantando o pano de nubes negras e un ceo azul e protector foi abrindo os seus brazos sobre toda a liña de costa, co Vilán ao lonxe. O sol brillaba no alto. Xa estaba todo claro. Era a hora de poñer mans á obra para lle curar a ferida do costado ao Cabo de Touriñán.

Un voluntarioso grupo de 18 adultos e dous nenos pequenos, durante 2 horas recolleron o lixo plástico espallado por toda a enseada, pola boleira, polo monte arriba entre as queirogas e os toxos, pola xunqueira...

Xuntamos 32 sacos grandes cheos de plásticos máis unha morea a granel: estachas, bidóns, caixas rotas, redes desfeitas, nasas de pulpo, anacos grandes de boias, plásticos e plásticos de toda caste.

Cinco dos participantes, no seu regreso a casa, fixeron un alto no coído de Moreira, cara aos ventos do norte, e xuntaron unha chea máis de lixo cargando un big-bag que atoparon enriba dos bolos.

O todo terreo do concello de Muxía co seu remolque e a súa xente participativa, fixeron escala nos dous coídos e levaron todo o lixo para a súa clasificación no punto limpo.

Foi unha xornada boa, espléndida, coa sensación gratificante e compartida de terlle botado unha man ao mar, á nosa paisaxe, á nosa natureza.

 

 

 

Entrada publicada: 17/10/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información