Blog

(15/05/2016 ) RESULTADO LIMPEZA PRAIA DE CAIÓN

  RESULTADO DA LIMPEZA NA PRAIA DE CAIÓN.

No momento de chegada ás 1100 horas, nesta agradable mañán de domingo, a brétema dominaba aínda a paisaxe pero, na media distancia, dende o aparcamento da praia urbana das Salseiras, a area lucía limpa, un numeroso grupos de surfistas xogaban coas ondas dunha mar tranquila e un observador ocasional poderíase preguntar que raio facía aquel grupo de xente tan decidida que, vestidos e con bolsas na man, dirixíanse á parte oeste da praia.

Sabíamos cal era o noso cometido.. Trece adultos e dos nenos distribuíronse ao longo das diferentes liñas de marea seguindo un protocolo de actuación previamente consensuado. Un grupo dedicouse a recoller bastonciños de algodón, outro a recoller anaquiños de plástico miudo na medida que era factible apresalos e un terceiro grupo dedicouse aos refugallos plásticos grandes.. Despois dunhas 2 horas de traballo, o resultado da colleita foi o seguinte.

2.624 bastonciños de algodón ( o número máis alto que temos recollido nunha limpeza deste perigoso contaminante plástico e biolóxico, testigo dunha contaminación que ten a súa orixe nos W.C.)

5 bolsas medianas con plástico miudo.

2 sacos grandes con refugallo plástico de tamaño superior a uns 10cm..

Ademáis dos plásticos e dentro da colleita, recollimos algo valioso tamén, recollimos unha información directa e contrastada sobre unha realidade cada vez máis mañifesta, a presencia masiva de lixo plástico miudo, en diámetros imposibles de manexar, e que está a envelenar o mar.

Ésta foi a nota diferente con respecto a outras limpezas anteriores. Hoxe temos actuado sobre a fracción dos plásticos máis difícil de limpar e a máis perigosa para o medio mariño, a de menor tamaño, a máis degradada. Aquela que está asociada aos microplásticos, aos pellets de resina que, por millóns e millóns tapizan non só esta praia se non tamén outras moitas praias do noso litoral. Fracción dos plásticos que polo seu pequeno tamaño poderán ser confundidos con alimento pola fauna mariña, entrando así na cadea alimenticia.

As cousas non se poden xulgar dende as alturas, hai que baixar á area e facer un exame polo miudo das achegas que nos fai o océano Atlántico ao longo das sucesivas liñas de marea. Desta maneira, saberemos do que falamos e poderemos tomar debida conciencia do problema.

Xosé Manuel Barros

Mar de Fábula.

 

Entrada publicada: 17/10/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información