Blog

(11/06/2016 ) RESULTADO DA 2ª LIMPEZA DA ZONA MARISQUEIRA DA BASA, CAMARIÑAS

Resultado da 2ª limpeza na Basa, Xaviña, Camariñas.

Se na primeira limpeza do ano pasado vivemos unha xornada histórica polo número de participantes, no traballo de limpeza feito esta mañán, cun menor número de voluntarios, a carga simbólica e cualitativa foi moito máis grande porque do total de 31 participantes, 25 eran mariscadoras !

Este feito deulle á xornada un contido de forte emoción e de esperanza de cara ao futuro.do planeta. Non quero que sonen a grandilocuentes estas palabras. Eran elas, as propias mariscadoras, na entrevista que lles fixo 4TV, as que se expresaban con términos cargados de resonancia, puntualizando que, para loitar contra o cambio climático o que hai que facer é poñerse a traballar, a recoller os plásticos, a preocuparse de non contaminar....Era un pracer escoitalas! Incluso facendo un sano exercicio de autocrítica....

Sendo menos participantes que o ano pasado, foron tres en lugar de catro as zonas de limpeza acometidas na contorna da Basa: O Muiño Novo. A Curva e Agramar, deixando o Campo do Turco para outra ocasión.

Enchéronse 58 sacos, o meirande volume plásticos miudos, moi difíciles de apañar e tamén como é habitual no lixo mariño, moito chicote, cabos, anacos de redes, espumas, bidóns enteiros e rotos e restos de aparellos electrónicos que hai que pensar moito como raio puideron chegar a este fondo da ría.

A síntese fundamental da xornada foi a alta participación do colectivo de mariscadoras de Camariñas e o seu convencimento de que, o que estaban a facer era importante, de que limpar e sanear a contorna onde elas móvense a cotío forma parte tamén da cultura do seu traballo.

Esta mensaxe de responsabilidade e coherencia, ten unha forte carga de transcendencia para unha sociedade necesitada de referentes positivos.

Ao remate do traballo, no intercambio de comentarios, acordamos que polo menos, tíñamos que xuntar 100 persoas para o ano que ven! Lixo non lles vai faltar porque aínda teremos que botar moitos anos limpando o mar.

Esta foto recolle a un dos tres grupos formados esta mañán, os que foron á Curva. Outros membros de Mar de Fábula fixeron fotos do conxunto e que publicarán á maior brevedade.

 

 

Entrada publicada: 17/10/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información