Blog

O cambio climático e os bastonciños de algodón

O CAMBIO CLIMÁTICO E OS BASTONCIÑOS DE ALGODÓN

De todos os grandes discursos que se teñen feito París por parte dos 150 xefes de Estado e de Goberno para reducir as emisións de efecto invernadoiro á atmósfera, non sabemos cantas medidas concretas e correctoras poderán ser implementadas e o grao de compromiso de cada asinante. Ogallá sexan capaces de chegar a acordos vencellantes polo ben de todos.

Pero do que sí estamos seguros é de que, se nós os cidadáns de a pé, os que integramos ese “todos”, non asumimos á nosa vez a cota de responsabilide que nos corresponde no respecto á Natureza, nada será atinxido porque as casas constrúense polos alicerces, non polos tellados, e máis cando estamos a falar da nosa casa común, do planeta, da conservación da Terra e dos Océanos.

A asociación Mar de Fábula, nos seus traballos periódicos de limpeza da ribeira, empezou no pasado verán a facer un seguimento dun refugallo plástico que está considerado coma un dos dez primeiros contaminantes do medio mariño: os bastonciños de algodón. Esta pequena peza de plástico é un exemplo claro do comportamento irresponsable dunha parte da poboación, daquela que, dunha maneira mecánica, por costume, desfaise dos produtos da hixiene íntima polo inodoro en lugar de depositalos co lixo inorgánico nos contentores pequenos que todos temos nas nosas casas. Estamos a falar tamén de todos eses compañeiros de viaxe dos bastonciños coma son as compresas, cueiros, toalliñas, tampóns, salvaslips, guedellas de pelo...que rematarán atascando os sanitarios, causando avarías nas depuradoras ou verténdose directamente ao mar.

Máis alá da responsabilidade moral do fabricante de produtos hixiénico sanitarios por non utilizar materiais biodegradables e da pasividade e desleixo da autoridade lexislativa, e da falta de inversión por parte das administracións públicas tanto en infraestructuras coma en campañas de información e concienciación, é o noso deber coma prestatarios do planeta asumir unha postura activa na súa defensa e conservación de cara aos nosos acreedores, as xeracións futuras.

Os voluntarios de Mar de Fábula temos recollido centos de bastonciños nas nosas praias e hai milleiros, millóns deles no mar, degradándose até chegar a convertírense en microplásticos, mesturándose co plancton e integrándose na cadea alimenticia da fauna mariña. Se cadra, algún día, un neto noso acabe coméndose, confundido no organismo dunha sardiña, un anaco do bastonciño hixiénico que botemos hoxe mesmo polo WC.

As sinaturas que os dirixentes mundiais estampen neses acordos vencellantes ao remate do Cumio de París non serán suficientes para salvar o planeta se cada un de nós non estampamos tamén a nosa. . E a nosa sinatura será sinónimo de concienciación, de pequenos actos cheos de contido como, por exemplo, cambiar o comportamento nos nosos cuartos de baño e non usar o inodoro para desfacernos dos produtos sanitarios.

Por outra banda, confiemos en que os dirixentes mundiais se teñan lavado ben os oídos e escoiten o clamor dunha poboación que desexa, que necesita vivir en armonía coa natureza.Confiemos tamén que despois non boten os bastonciños de algodón polo WC. E confiemos que tampouco o fagan os lectores deste artigo.

Asociación Mar de Fábula

 

Entrada publicada: 16/06/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información