Blog

MORTES SILENCIOSAS

 Mortes silenciosas

Aproveitando que co temporal que estamos a atravesar non é moi prudente andar pola costa (xa haberá tempo...) decido facer unha busca pola Rede da información sobre os efectos do consumo de plásticos nas aves mariñas. Entro no Google-scholar (ferramente ineludible para atopar información fiable na Rede) e escribo "plastic intake seabirds". Inmediatamente aparecen decenas de traballos sobre este tema, dos que tiro axiña unha primeira conclusión: en todos os mares do mundo, decenas de especies de aves mariñas teñen plásticos nos seus corpos. Nalgúns casos a porcentaxe é certamente alarmante. No Pacífico Norte, o 75% das pardelas; no Mediterráneo, o 94% (tamén das pardelas); no Mar do Norte, o 93% dos fulmares (primos-irmáns das pardelas); etc etc etc Podería botar toda a tarde poñendo exemplos.

Pois ben, fago unha segunda busca. As aves consumen plásticos de maneira xeralizada e habitual, ok, pero cómo lles afectan estes refugallos? Tecleo "plastic effects on seabirds". E, de novo, decenas de resultados: úlceras estomacais, obstrucións intestinais, falta de apetito (trágate ti unha bolsa de plástico, a ver se tes ganas de merendar...), etc etc etc. Ou sexa, danos físicos, derivados de comer o que non deben. Pero eu pregúntome máis aló. Qué danos sofren as aves por mor das substancias tóxicas que conteñen os plásticos? Así que fago unha terceira busca. Tecleo: "plastic toxicity on seabirds". Ai amiguiño!! Aí falaches! Agora xa hai moitos menos traballos, media ducia se cadra, que din basicamente que non se coñecen os efectos. Sábese que algúns tóxicos, fundamentalmente os PCBs, poden pasar ao torrente sanguíneo das aves, e tense demostrado noutros organismos (como vermes mariños) que os PCBs producen, entre outras cousas, alteracións reprodutivas: infertilidade. O problema é que non se atopou aínda a maneira de diferenciar se eses PCBs que se atopan no sangue veñen do consumo directo de plásticos ou se chegan ao corpo das aves vía alimentación, a través da cadea trófica (lembremos que as aves mariñas son superdepredadores do mar e, xa que logo, acumulan todos os tóxicos que se atopan nos escalóns inferiores da cadea).

Algúns dos traballos aos que me referín antes sobre a porcentaxe de aves que conteñen plásticos son dos anos 80. É dicir, este problema estúdase desde hai máis de 30 anos. Sen embargo, os estudos sobre os efectos tóxicos destes plásticos nas aves (e tamén noutros vertebrados mariños) son moi escasos, e en absoluto concluintes. Así pois, hai un campo enorme de investigación no eido da eco-toxicoloxía para esclarecer de qué maneira e en qué grao os plásticos poden estar envelenando ás aves mariñas. Aves que, por certo, son o grupo de aves máis ameazado do planeta. E dentro delas, as que peor están (os albatros, as pardelas e os petreis) son precisamente as que máis plásticos inxiren!!! Branco e en botella...

Centos de miles de aves mariñas morren todos os anos por culpa do ser humano: contaminadas por petróleo, enganchadas en aparellos de pesca, devoradas por ratas e visóns introducidos nas súas illas...Son mortes moi aparentes, fáciles de ver, moitas veces producen imaxes impactantes. Pero cantas morren por mor dos plásticos??

Polo barco que aínda tira o lixo pola borda?
Polo urbanito/a que tira o bastonciño polo inodoro?
Pola bolsa do super que non gardaches e que o vento levou?

En fin. Polo momento, a Ciencia a AVANZAR e Mar de Fábula a CONCIENCIAR!!

Asdo. Álvaro Barros

 

Entrada publicada: 27/02/2016

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información