Blog

TRABALLO DE LIMPEZA NO COÍDO DE TOURIÑÁN

 

Foi un bon día de traballo. Despois de reunirnos no punto de encontro ao pé do faro de Touriñán, e despois de saudar ao océano e saudarnos entre nós, desandamos o camiño, xusto 2 kms, Para chegar ao Coído de Touriñán. Fumos un grupo reducido, 7 adultos e dous cativiños que disfrutaron o seu. Fumos un grupo reducido pero decidido, cun forte ritmo de traballo, incluso a meteoroloxía quixo colaborar abríndonos un día espléndido, coma un agasallo do inverno. 
O traballo comenzóu ás 1130 horas e rematamos ás 1415 horas. 2 horas e 45 minutos de traballo arreo.
O resultado foi 52 sacos con lixo plástico, botellas e envases industrais o meirande porcentaxe, logo plástico en anacos e varios sacos con espumas de poliestireno. Ademáis, a carón dos sacos xuntamos unha boa morea de lixo mesturado de anacos de redes, caixas, bidóns, bolas de chapapote e incluso un moble de cociña que rescatamos dos toxos máis de 100 metros arriba da boleira.
O soporte loxístico do Concello de Muxía funcionóu perfecto. O todoterreo co remolque chegóu á hora convenida, 1430 horas. Despois de facernos as fotos de rigor para a posteridade, orgullosos e contentos, entre todos colaboramos na carga do remolque. O vehículo tivo que facer dúas viaxes, tal era o volume acumulado. Todo con destino ao Punto limpo do Concello.
A fermosa península que forma o Cabo Touriñán tiña unha ferida no seu costado, unha ferida aberta hai un ano por unha vaga xigantesca do lixo plástico que nos devolvéu a mar, unha mar cansada de aturar tanto noxo no seu seo. Hoxe, a ferida foi curada. 
Despois de repoñer forzas coas provisións que cada un levóu, despois dunha longa e agradable conversa de sobremesa, decidiuse a media tarde levantar o campamento. Pero antes de partir, cada un para o seu curruncho, botamos unha última ollada á paisaxe. O coído estaba limpo. A paisaxe xa era outra. As ondas rompían na boleira de maneira máis acougada. O sol resplandecía na mar cunha luminosidade intensa e a toxeira incluso lucía espléndida. Sentíase no aire coma un sentimento de alivio e reconciliación, de reconciliación entre a natureza e máis nós.

(Ver noticia - La Voz de Galicia 15/03(2015)

 

 

 

Entrada publicada: 16/03/2015

Volver
Esta web utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se continua navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK Máis información